Friday 26 de April de 2024

A Xunta intensifica a vindeira semana os traballos de roza e limpeza que están en marcha en distintas estradas das provincias de Pontevedra e da Coruña


Proseguirase coas tarefas iniciadas hai catro semanas en máis de 40 vías de titularidade autonómica do sur da provincia de Pontevedra

Continuarase coas limpezas que nas últimas semanas se están a realizar na provincia da Coruña na vía de alta capacidade VG.-1.2, en Ares e Mugardos

A Xunta ten previsto intensificar a vindeira semana as tarefas de roza e limpeza que están en marcha en distintas estradas das provincias de Pontevedra e da Coruña.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, realiza estes traballos de acondicionamento das franxas de dominio público de vías da Xunta para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

No marco destas intervencións, proseguirán as tarefas de roza iniciadas hai catro semanas en máis de 40 vías de titularidade autonómica do sur da provincia de Pontevedra.

Proseguiran, ademais, as tarefas que nas últimas semanas se están a realizar na provincia da Coruña, na vía de alta capacidade VG.-1.2, que comunica a contorna do polígono de Vilar do Colo e Mugardos, ao seu paso polos municipio de Ares e de Mugardos.

O conxunto de traballos realizados no marco deste contrato coa empresa pública Seaga, que se veñen realizando ao longo do ano, céntranse, principalmente, na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas autonómicas, reducindo progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.